O abraio ante o misterio

Imaxe da Fe na fachada de Acibecharías da Catedral de Santiago de Compostela. Presenta os ollos tapados.

Moito se ten falado das relacións entre razón e fe, entre a crenza e os feitos consumados. Estes termos en primeiro lugar son confusos. Primeiro temos que definir que é fe e que é crenza. Non serei eu quen o faga, desde logo. En galego a fe e a crenza son conceptos moi semellantes. Porén, ocorríuseme que estas dúas palabras en grego e en latín agochan matices e complexidades que nós herdamos. A fe en grego é pistis e en latín fides e veñen da mesma raíz na antiga lingua dos indoeuropeos (*bhidh-), relacionada con aquilo que resulta sinxelo de considerar certo, coa persuasión; sería unha sorte de convencemento.

Isto da fe e da crenza comeza a complicarse: moitas palabras que chegan a nós traducidas de distintas linguas e que expresan conceptos distintos. Crenza ven do latín credentia, do verbo credo, composto de cor dare ‘entregar o corazón’. Santo Tomé de Aquino –xa se fixera antes esta pregunta Santo Agostiño– distinguiu na Summa Theologiae (II-II, q. 2, a. 2) tres réximes verbais para o verbo credere que modifican radicalmente o seu sentido:

  1. Credere Deum: Crer que Deus existe. Afirmas intelectualmente a existencia de Deus.
  2. Credere Deo: Crer o que Deus di. Máis profunda que a anterior, dás a Revelación de Deus ao Home por válida.
  3. Credere in Deum: Crer en Deus amando. É a máis profunda das tres e aquela á que debe aspirar todo cristián. Consiste nunha fe vivificada pola caridade.

As tres expresións tradúcense ao galego do mesmo xeito, «crer en Deus». Pérdense todos estes matices e a expresión pode significar cousas moi distintas. Santo Tomé definía as dúas primeiras expresións como fe informe e a última como fe formada, un grao superior ou máis intenso de fe. Ademais, a etimoloxía de crenza (credo > cor dare ‘entregar o corazón’) coincide máis ben con este terceiro sentido.

Imos complicar un pouquiño máis este asunto das crenzas. Esta palabra ten outro significado. É algo así como o que está por debaixo do saber certeiro. Cando un está seguro de algo, sábeo; cando non, soamente o cre. Esta idea da crenza por debaixo dun saber superior, máis achegado á realidade, é pura filosofía platónica. Platón considera que a imaxinación e as crenzas forman parte dun plano inferior da realidade (mundo sensible) en contraposición a un mundo intelixible que compoñen os números e as ideas, que son a culminación do pensamento. Cando un coñece a idea do Ben Supremo (Deus) non poderá volver a facer o mal. Isto é influencia de Sócrates, quen pensaba que o mal era produto da ignorancia do ben, e quen coñecese o ben non podería facer o mal.

Hai un problema serio de terminoloxía. E digo serio porque estas palabras son importantísimas para calquera home, máis para un cristián. Falamos de que cada vez «hai menos fe» e non sabemos definir o que é iso da fe. Tamén dicimos que «a xente xa non cre» e non somos capaces de definir o que é crer. Ou cremos que o sabemos (non estamos seguros). A crenza está afastada do Ben e da Verdade? Xa dixen que eu non ía responder a isto.